Predición para as eleccións

Mañá son as eleccións galegas e imos lanzarnos a facer unha predición. Como sempre, imos basearnos en datos pero tamén teremos que especular.

Antes de presentar os resultados imos explicar en que nos baseamos para a predición. Será principalmente nos resultado previos das anteriores eleccións galegas do 2012 e das eleccións xerais do 20D do 2015 e o 26J do 2016. Pero como xa vimos anteriormente, non se vota igual nas eleccións galegas que nas xerais. Imos considerar o voto dual entre as eleccións galegas e xerais supoñendo que:

  • O PSdeG nas galegas cede un 1.5% do seu voto nas xerais ó BNG e 1.5% a Marea, e a Marea cede esta cantidade ó BNG. En resumo, con respecto ás xerais, o PSdeG perde un 3%, o BNG gana un 3% e a Marea queda como estaba.
  • Cs retén a metade do seu voto nas xerais e cede ó PP a outra metade nas galegas.
  • Na provincia de Ourense consideramos que Democracia Ourensana (DO), que non se presentaba as xerais, réstalle un 3% de votos ó PP nas galegas.

Son supostos que aínda que poden non cumprirse tenhen unha probabilidade relativamente alta. Pois ben, xa sabemos que o PP ganhou as eleccións galegas do 2012 con 41 deputados. Se usamos os datos do 2015 e 2016 e aplicamos a corrección anterior por voto dual, os resultados dinos que o PP tería nunhas hipotéticas eleccións galegas 35 deputados no 20D do 2015 e 41 no 26J do 2016. É dicir, cunha alta mobilización do que chamamos esquerda (Marea + PSdeG + BNG) como no 20D, o PP queda lonxe da maioría absoluta, que está en 38 deputados. Cunha baixa mobilización da esquerda como no 26J o PP pode repetir a súa maioría. Nestes escenarios a Marea moveríase entre  17 e 20 deputados, o PSdeG tería 15, o BNG entre 2 e 5 e Cs quedaría fora do parlamento, xa que se necesita ter un mínimo de 5% de votos para entrar no reparto de cada provincia. Podedes ver os resultados detallados en táboas por provincias ó final do post.

E que pasará desta vez? As nosas sensacións son que a mobilización da esquerda non é alta e a iso contribúe o fastío de ter tantas eleccións seguidas e que non se poida formar o goberno central. Por outra banda, a campanha das forzas da esquerda, sobre todo a do BNG e tamén na última semana a de Marea, está sendo mellor que a anterior de finais da primavera e isto pode contribuír a activar ó seu electorado. Ademais a dereita tinha unha mobilización moi elevada no 26J pola posibilidade de formarse un goberno central que lles fora moi hostil, pero agora esa campanha do medo é menor. A nosa predición é que teremos unha mobilización medio-alta na dereita (PP + Cs + DO) e medio-baixa na esquerda (Marea + PSdeG + BNG), é dicir, intermedia entre a do 2015 e 2016. Con esta hipótese elaboramos a predición que presentamos nesta figura e que está detallada por provincias nunha táboa ó final do post:

predicion_galegas

O resultado en votos é de empate técnico entre a dereita (PP + Cs + DO) e a esquerda (Marea + PSdeG + BNG). Nesta situación a dereita soe ter maioría xa que a lei electoral favorece ós territorios onde tenhen máis votos: as provincias de Lugo e Ourense. Pero neste caso poden ser prexudicados por esa propia lei electoral, xa que si Cs queda por debaixo do 5% queda sen representación e serían votos que perde a dereita para obter representación. O PP quedaría sen maioría absoluta e Marea sería a segunda forza con posibilidade de formar goberno co PSdeG e BNG.

As contas que fai o PP para a maioría se basean en obter 38 deputados con esta distribución: 12 en Corunha, 10 en Pontevedra, 8 en Lugo e 8 en Ourense. Nesta predición que acabamos de presentar consideramos que o PP ten un menos por Ourense. É unha provincia moi favorable ó PP, pero a mestura de ter 2 competidores directos, Cs e DO, sumada a atención mediática que está recibindo o maiúsculo escándalo de ter un presidente da deputación, Baltar junior, que se adica a ofrecer traballos públicos a cambio de sexo, fainos pensar que o PP quedará nun 47%. Segue a ser un resultado extremadamente elevado considerando a folla de servizos do PP nesa provincia, pero ese dato xunto cun mínimo repute da Marea e un BNG que evite o seu afundimento poden evitar que o PP consiga o seu oitavo escano nesa provincia que lle dea a maioría.

Baseados na nosa análise tamén sacamos outra conclusión importante. Non hai un voto útil claro na esquerda, os votos a Marea, PSdeG e BNG poden ser igual de útiles. De feito o máis probable é que o voto a cada un deses partidos acabe tendo un grao de utilidade, definido en función do lonxe que queda de obter un novo deputado, distinto en cada provincia. É dicir, nunha provincia “a” pode ser a Marea o voto útil, na “b” o PSdeG e na “c” o BNG. Calquera intento de afinar máis entra excesivamente na especulación sobre algo que non se conhece.

O resumo do nosa predición é que o PP está cerca da maioría absoluta pero tamén que hai datos que nos din que esa maioría está en perigo. Nos apostamos que será Ourense, co fenómeno do que pouco se fala de DO e o tema Balta, onde o PP perda esa maioría. Pero todo isto baséase en asumir unhas mobilizacións que aínda non conhecemos, só intuímos. O grao de mobilización definirá o resultado. Manhá domingo saímos de dúbidas.

—— Anexo táboas ——

Nesta táboa podedes ver a predición por provincias de O Toucinho para as eleccións galegas do 2016:

A Coruña Pontevedra Lugo Ourense Total
% voto Dep. % voto Dep. % voto Dep. % voto Dep. % voto Dep.
PP 43,0 12 41,0 10 49,0 8 47,0 7 43,5 37
PSdeG 18,0 5 19,0 5 21,0 3 20,0 3 19,0 16
Marea 25,0 7 26,0 6 18,0 3 18,0 3 23,6 19
BNG 6,0 1 6,5 1 6,0 0 6,0 1 6,2 3
Cs 4,50 0 4,5 0 4,0 0 3,5 0 4,3 0

Resultados das eleccións galegas do ano 2012:

A Coruña Pontevedra Lugo Ourense Total
% voto Dep. % voto Dep. % voto Dep. % voto Dep. % voto Dep.
PP 45,4 13 42,8 11 51,5 9 49,2 8 45,7 41
PSdeG 18,8 5 20,8 5 22,7 4 23,7 4 20,5 18
AGE 16,6 4 14,4 3 10,3 1 7,8 1 14,0 9
BNG 9,6 2 11,9 3 8,7 1 8,5 1 10,1 7

Resultado baseado no 26J/2016 coa corrección explicada anteriormente

A Coruña Pontevedra Lugo Ourense Total
% voto Dep. % voto Dep. % voto Dep. % voto Dep. % voto Dep.
PP 44,8 13 42,7 11 50,9 8 50,2 9 45,5 41
PSdeG 18,8 5 18,9 4 20,8 3 20,4 3 19,3 15
Marea 23,1 6 25,2 6 16,9 3 15,7 2 22,1 17
BNG 6,0 1 6,1 1 5,6 0 5,2 0 5,9 2
Cs 4,70 0 4,4 0 3,5 0 3,5 0 4,3 0

Resultado baseado no 20D/2015 coa corrección explicada anteriormente

A Coruña Pontevedra Lugo Ourense Total
% voto Dep. % voto Dep. % voto Dep. % voto Dep. % voto Dep.
PP 40,4 11 39,0 10 46,3 7 45,8 7 41,3 35
PSdeG 17,4 5 17,8 4 21,0 3 20,2 3 18,3 15
Marea 26,4 7 28,0 7 19,3 3 17,8 3 25,0 20
BNG 7,6 2 7,7 1 6,6 1 6,3 1 7,3 5
Cs 4,96 0 4,5 0 3,8 0 3,9 0 4,5 0

Veremos que pasa o domingo!

 

Un comentario en “Predición para as eleccións

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s